31/12/09

Os expropiados de Castro de Elviña culpan á Universidade do “bloqueo” do proceso


El Ideal Gallego
30/12/2009
A Coruña


Lorena Fernández> A Coruña

Os afectados polas expropiacións de Castro de Elviña pola construción da residencia universitaria esperan desde hai meses a que a propia Universidade ratifique o acordo ao que chegaron co Concello e a Xunta, aínda que, segundo explica o seu portavoz, Carlos Maceiras, “parece que está desaparecida”.

Desde a súa chegada ao cargo, o delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, comprometeuse a defender o pacto inicial, alcanzado co anterior Goberno galego, pois consideraba razonables as esixencias dos afectados.

Pola súa parte, desde a Concellaría de Urbanismo, tamén aceptaron estas condicións, se ben é agora cando falta unha resposta do órgano educativo, ao que os residentes culpan do “bloqueo” de todo o proceso. O pacto consistía basicamente en aumentar o prezo que lles abonaría a administración por metro cadrado ata superar os 800 euros no caso do terreo edificado, co obxectivo de achegarse ao que debían pagar os expropiados pola súa nova vivenda de protección oficial, entre 900 e 1.200 euros o metro. No caso das fincas, o prezo sería de 105 euros.

Os veciños de Castro de Elviña encheron de pancartas o entorno do campus pedro puig

Contradición > Pese a que o reitor, José María Barja, manifestou publicamente en varias ocasións a súa conformidade co acordado, os expropiados aseguran que “o delegado da Xunta ten un informe no que se reflexa que a Universidade non está de acordo”. Así mesmo, acusan ao vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, de “dar plantón” a unha representación dos afectados nunha reunión convocada a tres bandas, hai apenas un mes, pola responsable de Urbanismo, Obdulia Taboadela, na que estaba previsto que o responsable universitario deixase clara a súa postura neste asunto.

Ante esta situación, Maceiras explica que xa solicitou unha reunión con Barja, para a que aínda non hai data. “Queremos saber por qué non move ficha, o porqué deste silencio”, indica, á vez que reclama tamén o apoio do resto de administracións implicadas. “Cremos que como parte interesada neste tema tamén poden facer de mediadores”, señala.

Con todo, avisan de que, de non obter unha solución en breve, estudiarán a posibilidade de retomar as mobilizacións, pois, segundo manifesta o seu portavoz, “a indefinición duns poucos está deixando sen aire a 11 familias afectadas, que levan moitos anos sen saber o que vai pasar coas súas casas”.

Polo momento, os veciños xa encheron o entorno do campus de pancartas para reivindicar os seus dereitos e para denunciar o tratamento que están recibindo, que o seu representante califica de “indigno”.

29/12/09

A UDC acusa o Concello do atraso nos realoxos de Elviña

Xornal de Galicia
28/12/2009
Galicia

O vicerreitor de Infraestruturas di que as “instancias expropiatorias” como o Concello e a Xunta son os responsables da demora

Daniel Prieto. Galicia.

O vicerreitor de Infraestruturas da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Lois Martínez, acusou ao Concello da Coruña e á Xunta do “atraso de máis de 18 años” do realoxo no entorno do campus das once familias afectadas polas expropiacións para a construción da área residencial de Elviña – licitada por 24 millóns hai un ano– e do Parque Tecnolóxico. Martínez tamén exculpou á universidade de calquera responsabilidade neste sentido, xa que, “nunca é a universidade a que expropia, senón que recibe a propiedade do solo para construir determinados edificios”, en resposta ás acusacións da Asociación Veciñal Elviña-Castro Os Rexumeiros, que sinalaron á UDC como a responsable da demora dos realoxos.

Segundo Xosé Lois Martínez, “a UDC excluíu do ámbito do Plan Parcial de 1990 máis de 200.000 metros cadrados de propiedade privada e unhas 30 vivendas da zona”, o que na súa opinión reflicte “que a universidade se preocupou desde o inicio polos veciños afectados no proceso”. Tal e como explicou “ese plan recolle que a obtención do chan correrá basicamente a cargo co Concello coruñés, e que as actuación urbanizadoras son responsabilidade da universidade e, como consecuencia, da Consellería de Edic.

Por outra banda, o vicerreitor de Infraestruturas da UDC cualificou de “terrible” o feito de que “pasaran case 20 anos sen expropiar a eses veciños, xa que os custos de expropiación suben exponencialmente”. Ademais, sinalou que o “Concello da Coruña debeu realizar un reparto de edificabilidade nos terreos fronte á universidade, que valen 1.000 euros o metro cadrado fronte aos 100 euros metro cadrado do campus” e apuntou á modalidade da “cooperación, na que “unha administración e os propietarios deses terreos desenrolan un ámbito especial”.

En canto aos sete inmobles afectados polas expropiacións, Xosé Lois Martínez indicou que “o Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS), da Consellería de Medio Ambiente, expropiou os terreos para a construción da residencia universitaria”, mentres que na zona do Parque Tecnolóxico foi “a Cosensellería de Educación quen lle cedeu os cartos ao Concello da Coruña, que contactou coa UDC para que realizase un espediente de expropiación”.

Deste xeito, o vicerreitor precisou que “a actua a Consellería de Medio Ambiente é a encargada de realoxar aos afectados” pola área residencial, mentres que no caso do Parque Tecnolóxico “o Concello coruñés é o responsable do realoxo”.

proposta recollida no pxom

A anterior Consellería de Vivenda contactou coa UDC e co Concello coruñés para abordar o tema do realoxo, e a universidade propuxo “edificar 20 vivendas nas proximidades da Facultade de Arquitectura”, asegurou Martínez. De feito, no actual Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM) coruñés, actualmente exposto ao público, “hai un terreo que coincide con esa proposta, e a universidade non viu ningún problema en que se realizara o realoxo nesa zona, destinada a vivendas para os profesores”, engadiu.

Na súa opinión, “o problema é que a Consellería de Vivenda contemplou só o realoxo de dúas vivendas e a universidade de sete”, e ademais o proxecto “non se asinou, porque o Concello considera que é un tema do que se tiña que encargar a UDC”,

O vicerreitor insistiu en que son as “instancias expropiatorias” as que deben afrontar ese proceso. “Seriamos a primeira universidade de España en construir vivendas para os expropiados. A finalidade da universidade é o estudo e a investigación, o resto non nos compete”, precisou Xosé Lois Martínez, que asegura que “a universidade apoiará sempre o realoxo dos afectados na zona inmediata próxima ás súas vivendas”.

REUNIÓN COS VECIÑOS

Respecto ás acusacións dos membros da Asociación Os rexumeiros, que aseguraron que “o vicerreitor non quixo reunirse cos veciños nunha reunión onde se iban abordar temas cruciais”, Xosé Lois Martínez asegurou que ese día tiña unha “cita de traballo inexcusable” perp que está “aberto ao diálogo en todo momento”.

En opinión de Carlos Maceiras, o presidente da asociación veciñal de Elviña, a UDC “aínda non respostou a un requerimento do Concello da Coruña onde se lle preguntaba como iba a afectar o realoxo aos veciños”. Ademais, os veciños engadiron que “a universidade non está facendo o que publicamente di que fai”.


22/12/09

Os veciños de Elviña acusan a UDC do atraso nos realoxos


Xornal de Galicia
22/12/2009
Galicia
D. Prieto. Galicia.

Os veciños de Castro-Elviña, que levan máis de tres anos mergullados nun litixio debido ás expropiacións pola construción da área residencial universitaria de Elviña, no campus universitario coruñés, acusan á Universidade da Coruña (UDC) da demora no realoxo. "A cousa sigue enquistada e independentemente de que as administracións se boten a pelota unhas ás outras, a situación agora é culpa da UDC e sentímonos enganados por ela", sinalou Carlos Maceiras, presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro Os Rexumeiros. Os residentes queren ser realoxados na contorna da residencia, licitada por 24 millóns de euros hai un ano.

As sete vivendas afectadas, onde viven once familias, locen pancartas coa valoración dos terreos efectuada polas entindades implicadas no proceso expropiatorio: o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Consellería de Vivenda, a Consellería de Industria e o Concello da Coruña, dependendo do caso. A asociación veciñal mantivo conversas co Delegado da Xunta Diego Calvo, coa concelleira de Urbanismo do Concello da Coruña, Obdulia Taboadela, e co Instituto Galego de Vivenda e Solo, que resultaron "fructíferas", sinalou Carlos Maceiras. Sen embargo, o vicerreitor de Infraestruturas da UDC, Xosé Lois Martínez, "non quixo reunirse cos veciños, ao igual que o rector", precisou.

En opinión de Maceiras, a UDC que "aínda non respostou a un requerimento do Concello da Coruña onde se lle preguntaba como había afectar o realoxo aos veciños". Ademais, o presidente dos Rexumeiros engadiu que "a universidade non estaba dacordo cun informe do anterior Goberno da Xunta polo tema das expropiacións, e non está facendo o que publicamente di que fai".

"O señor Xosé Lois Martínez fala sempre de futuro e non de presente, e nunca se refire ás expropiacións", afirmou Carlos Maceiras. Os Rexumeiros instaron á UDC "a poñer o terreo a disposición da Xunta para facer as vivendas dos veciños na contorna dunha vez", tal e como recolle o Plan Parcial de 1991.

Pola súa banda, Xosé Lois Martínez, sinalou que "o actual equipo de Goberno da Universidade sempre estivo, está e estará ao lado dos veciños de Elviña que viven na zona" e apoiou "que sexan realoxados na contorna, para o que elevaremos ás institucións expropiatorias que sexan ubicados no lugar".

14/12/09

O Plan Director da Universidade busca firmar a paz coa zona rural de Elviña

El Ideal Gallego
10/12/2009
A Coruña
C.R.> A CORUÑA
O vicerreitor de Infraestructuras, Xosé Lois Martínez, presentou onte o Plan Director da Universidade no que a empresa Prointec -adxudicataria do proxecto- leva meses traballando e polo que se guiarán todas as obras que se leven a cabo en calquera dos campus, desde Esteiro, en Ferrol, ata Elviña. O documento, de máis de 600 páxinas, contempla mellorar a relación cos núcleos rurais do entorno de Elviña.

Os residentes nestas zonas teñen acusado en varias ocasións ao organismo de ser o causante da desaparición destes núcleos debido ás expropiacións executadas para o crecemento do campus. Agora, a Universidade pretende solventar este problema. Segundo Martínez, xa existe unha relación entre os alumnos e estas zonas e o obxectivo agora é “o reforzamento dos núcleos rurais” como Castro, Eirís ou San Vicente. Para o responsable de Prointec, Pablo Campos, os estudantes poden aprender dese estilo de vida e das construcións, especialmente os alumnos de arquitectura. Pero o vicerreitor resalta que para iso é necesaria unha importante rehabilitación da zona que pasaría por unha implicación municipal.

En canto a como crecerá entón a Universidade para evitar desmantelar estas áreas, Campos é claro, non é necesario aumentar a superficie. “É moi grande xa”, declara. Aposta, en cambio, por unha “recualificación” dos campus segundo as súas especificidades para mellorar o aproveitamento das infraestructuras e da superficie da que dispón a Universidade. “Hai moitos espazos inertes a efectos educativos e non é difícil transformalos en produtivos”, declara o arquitecto. Deste modo tamén se adaptará o entorno ao Espazo Europeo de Educación Superior.


Integración > Un dos retos do Plan Director é, entre outros, conseguir que os campus deixen de ser “cidades pantasma” ou “dormitorio” que só teñan actividade durante determinadas horas e días da semana. Os responsables do documento cren que esta tendencia comenzará a cambiar coa construción da residencia de estudantes, que requerirá outros equipamentos complementarios.

O gran obxectivo do documento é conseguir que a cidade e a Universidade non se entendan como áreas independentes e “optimizar” a relación que manteñen. Para iso, tamén se intentará que o proxecto evolucione parello ao PXOM. Xosé Lois considera que para evitar que o ente educativo se convirta nun “gueto” é necesario “focalizar o seu ámbito” de actuación que incluiría non só Oleiros, A Coruña e Ferrol senón a toda a comarca.

As primeiras hortas urbanas de Feáns ocuparán 7.400 metros


La Opinión de A Coruña
04/12/2009
A Coruña

Os veciños da zona ceden de forma gratuita os terreos, nos que 25 persoas solicitaron practicar a agricultura como afición

O soño de moitas persoas de practicar a agricultura como afición pode materializarse xa en Feáns, onde os veciños cederon 7.400 metros cadrados para a iniciativa Hortas na cidade. Ata agora son 25 os inscritos nesta actuación, para a que non se precisa ningunha experiencia nos labores agrícolas e que se leva a cabo por parte do Colexio de Arquitectos


JOSÉ MANUEL GUTIÉRREZ A CORUÑA A iniciativa Hortas na cidade, que ten como finalidade promover a práctica da agricultura con fines recreativos, conta xa con 7.400 metros cadrados cedidos para este uso polos veciños de Feáns e con 25 persoas inscritas como solicitantes dunha parcela.

O traballo feito nas últimas semanas polo colectivo de arquitectos Desescribir forma parte do proxecto A cidade dos barrios, impulsado pola delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galicia e dirixido polo estudio de arquitectura MMASA. Tras os contactos establecidos cos veciños do val de Feáns e a visita realizada polos primeiros interesados en cultivar unha horta nesa zona, os promotores desta actuación deron onte conta dos resultados obtidos ata agora.


Interesados en el cultivo de las huertas, junto a la caseta para herramientas instalada en Feáns. / c. pardellas

As máis de 2.000 visitas contabilizadas en só dúas semanas polo blog aberto polos responsables de Hortas na cidade é un reflexo do interese que suscita a posibilidade de dispoñer dunha pequena porción de terreo na que practicar as habilidades como agricultor.

Felipe Riola, un dos membros de Desescribir, explicou que os inscritos nesta iniciativa son persoas de moi diferentes características, tanto xente nova como maiores e con experiencia agrícola ou cunha carencia absoluta de coñecementos sobre este traballo. O arquitecto detallou que as parcelas serán cedidas de forma totalmente gratuita e que o seu tamaño variará entre os 40 e os 60 metros cadrados, xa que algunhas delas serán cultivadas de forma colectiva por familias ou grupos de amigos.

Na actualidade xestiónase a constitución dunha asociación de usuarios destas hortas, cunha superficie que se confía en incrementar no val nos próximos meses.

3/12/09

Conclusións do obradoiro Hortas na cidade.

Hoxe serán presentadas as conclusións do segundo obradoiro do colectivo de arquitectos desescribir, Hortas na cidade. A iniciativa desenvolveuse en Feáns, no val de Mesoiro, coa intención de conservar e promover a riqueza agraria degrada a paso de xigante nos últimos anos.

Tras a exposición das conclusións, o xeográfo portugués Alvaro Domingues impartirá unha conferencia sobre o encontro entre o rural e o urbano.

Sede da fundación Caixa Galicia (Cantón Grande 21-24, A Coruña)
Xoves 3 de decembro ás 19:30

O Concello aproba o novo PXOM da cidade

La Voz de Galicia
1/12/09
A Coruña.
EFE.

O Concello da Coruña aprobou hoxe de maneira inicial o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade cos votos favorábeis de PSdeG e BNG e o voto en contra dos concelleiros do Partido Popular.

Nun pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello, a concelleira de Urbanismo, Obdulia Taboadela, cualificou o documento como o plan "da transparencia, da participación e da información" que é, máis que unha ferramenta urbanística, "unha guía de acción para construír a cidade que queremos".

Entre as súas principais características, Taboadela citou a aposta pola mobilidade e o transporte público, polas zonas verdes, pola rebaixa da edificabilidade, pola construcción de vivenda de acollida, pola potenciación da universidade e dos hospitais como polos "fundamentais" do desenvolvemento ou polo mantemento dos núcleos tradicionais, entre outros aspeitos.

Tamén figura a aposta "decidida e continuada" por "reverdecer a cidade" e potenciar o sistema de parques perimeitrais.

Obdulia Taboadela fixo especial mención aos plans especiais de transformación, que contemplan a liberación de terreos para devolver aos cidadáns máis de cen hectáreas.

Entre as actuacións contempladas nestes plans, destacoua a construcción da estación intermodal e a conseguinte creación dunha zona de lecer e de equipamentos públicos nos terreos da actual estación de autobuses, a creación dunha nova fachada marítima nas instalacións portuarias de San Diego ou o futuro da Fábrica de Armas.

Pola súa banda o concelleiro nacionalista Mario López Rico outorgou "un notábel alto" ao documento, que cualificou de "ambicioso, realista e xusto", ademais de se un "bálsamo" para as feridas do "urbanismo selvaxe" dos últimos anos.

López Rico considerou que a posta en marcha do plan permitirá á cidade recuperar o liderado en Galiza e facelo en "clave" metropolitana".

Tamén esixiu ao principal partido da oposición, o PP, que non utilice o PXOM como arma electoral ao tempo que cualificou o seu posicionamento respeito ao documento de "brandiño e cobarde" malia ser "o mellor plan que nunca tivo A Coruña".

Desde o PP, o concelleiro Miguel Lorenzo indicou que o Goberno municipal conta con "todo o apoio" da súa formación para as grandes infraestruturas, a pesar de que, apuntou, "chegan tarde", e tamén considerou "acertada" a decisión de escoller a Joan Busquets para definir o PXOM.

Porén, afirmou que o bipartito ten un problema "grave" ao seu xuízo: a financiación. Atrubuíu este aspeito, en parte, á carencia de liderado que, segundo el, teñen para captar fondos.

Durante a súa intervención, o concelleiro do PP pediu explicación a Taboadela sobre as suxerencias presentadas ao documento que hoxe se sometía a votación, así como pola aprobación de sete convenios urbanísticos tras a aprobación do texto por parte da Xunta ou pola financiación do devandito.

Finalmente o PP votou en contra da aprobación inicial do documento, unha actitude que Taboadela tildou de "esquizofrenía inteligible", ao tempo que criticou o portavoz municipal do grupo popular, Carlos Negreira, por ser un "convidado de pedra" e "pasar" do plan e da cidade.

Tras a súa aprobación, o plan será remitido ás distintas administraciójns para que elaboren os correspondentes informes sectoriais e pasará a exposición pública.