22/10/09

A Coruña acolle desde hoxe unhas xornadas sobre as residencias universitarias

La Voz de Galicia
22/10/2009
A Coruña

EFE. A Coruña

O concelleiro de Rehabilitación Urbana, Mario López Rico, foi canda o delegado provincial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, o encargado de presidir a inauguración das xornadas.

A sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña acolle hoxe e mañá unhas xornadas sobre as áreas residenciais universitarias nas que se darán a coñecer experiencias de xestión, promoción e construcción desenroladas noutros países.

O concelleiro de Rehabilitación Urbana, Mario López Rico,
foi canda o delegado provincial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, o encargado de presidir a inauguración das xornadas, nas que se abordará o problema do aloxamento do estudantes desde as diferentes perspectivas.

Desde o Concello destacaron nun comunicado que a incorporación das universidades galegas ao Espazo Europeo de Educación Superior traerá consigo un incremento dos alumnos foráneos, o que supón un novo reto que estas institucións terán que afrontar.

Asimesmo recordaron que os traballos de investigación realizados pola Universidade da Coruña (UDC) descobriron a existencia de máis dun cento de infravivendas destinadas a estudantes, o que atribúen á presión que se deriva da demanda de aloxamento universitario así como á carencia de políticas públicas encamiñadas a solventar esta deficiencia.

Neste sentido, explicaron que nas xornadas se analizarán, entre outros aspectos, a dimensión social da demanda de vivenda por parte dos estudantes, o papel e resposta das cidades fronte a esta situación, a importancia de ofertar espazos de calidade e asequíbeis, así como dar a coñecer os modelos existentes de xestión, promoción e construcción de países como Finlandia, Alemaña e Reino Unido xunto con experiencias españolas.

Negreira afirma que os orzamentos da Xunta inclúen a construcción da Residencia Universitaria de Elviña

Os orzamentos da Xunta para 2010 foron presentados esta semana e foi motivo de valoración polas distintas forzas do noso concello. Estes orzamentos inclúen partidas concretas para obras como a Terceira Vía ou o Parque Ofimático.

Este martes en rolda de prensa o portavoz do PP coruñés, Carlos Negreira, facía a valoración dos orzamentos, os que cualificaba de moi positivos. Durante a explicación afirmou que a inversión da Xunta para a cidade tamén contempla a construcción da residencia universitaria de Elviña.


Negreira explicou que dentro da partida xenérica para vivenda, que ascende a 12 millóns de euros. Serán oito millóns os reservados á Área Residencial Universitaria.

E coma sempre queda a pregunta no aire, alguén se preocupará de solucionar o problema de vivenda dos veciños de Castro de Elviña que quedan sen casa pola construcción da residencia universitaria?

21/10/09

Máis de 50.000 persoas na meirande marcha polo galego da historia

El País
19/10/2009
Galicia

Silvia R. Pontevedra. Santiago

"No sabía que en Galicia hubiese tantos gallegos", comentáballe ao vixiante do aparcamento da Praza de Galicia un dos turistas que quedaron atrapados co seu coche máis de media hora, sen poder saír, porque a riada de manifestantes atascaba a rúa. "Estes, mañá, apúntanse a Galicia Bilingüe", bromeaba algún dos que ían na marcha ao ver a ringleira de autos que se perdía dentro do garaxe. Enriba da porta da saída de vehículos, nunha pantalla luminosa, o Concello de Santiago pasaba ese anuncio no que Gadis convida a vivir "como galegos".


Miles de persoas ateigan a praza da Quintana. EFE

A xente non deixaba de pasar, e non deixaría de facelo até tres horas máis tarde, cando a Fran Rei (vicepresidente da Mesa e coordinador de Queremos Galego, a plataforma que convocou o acto), o chamaron ao móbil para avisalo de que aínda había grupos saíndo da Alameda. Unha parella de municipais comentaba durante a marcha que debían de ser "máis de 50.000 persoas", e logo confirmaba a cifra, unha vez supervisada polos mandos, o axente ao que onte pola tarde lle tocaba garda ao teléfono: "Aquí deixáronme anotado 50.000". A organización, abrumada polas masas en movemento, tardou tempo en botar as súas propias contas. "Cando menos, 60.000 dixeron primeiro", mais logo repasaron os seus cálculos, e en vista dos moitos que se quedaron sen escoitar o manifesto da Quintana, terminaron por dicir que 100.000.

Despois dos integrantes da coordinadora Queremos Galego, avanzaba termando dunha das pancartas da cabeza a plana maior do BNG. E, aproximadamente a medio quilómetro de distancia, perdidos entre o xentío, secundaban a protesta os socialistas galegos, co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, na comitiva.

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, que agardou ao sábado para confirmar a súa presenza, quitáballe importancia á súa posición retrasada na marcha. Non é que estivesen gardando distancias, é que se lles meteu "todo o mundo diante". Por iso, ao final, quedáronse sen escoitalos. Iso xa pasara o 17 de maio, na anterior manifestación polo galego (á que segundo a policía asistiron 10.000 persoas) pero desta volta todo o mundo coincidía en había máis xente. Queremos Galego conseguiu mobilizar, incluso, aos grupos de defensa da lingua que en tempos adversos van agromando no Berzo, en Estremadura, en Andorra ou en Canarias. Á vez que tiña lugar a manifestación en Santiago, celebrábase unha reunión en pro do idioma propio e en contra das políticas e Feixóo en Bruxelas, e o Terzo da Fala de Bos Aires mandaba un comunicado excusando a súa presenza por estar a "10.000 quilómetros".

Máis en:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/50000/personas/mayor/marcha/gallego/historia/elpepuespgal/20091019elpgal_1/Tes

19/10/09

A Universidade solicítalle á Xunta que lle permita xestionar a residencia estudiantil

El Ideal Gallego

18/10/2009

R.R. A Coruña

O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, informou onte de que hai uns 15 días que a Universidade remitiu ao Instituto Galego de Vivenda e Solo unha proposta de convenio para asumir a xestión, o mantemento e a conservación da nova residencia universitaria de Elviña, que aínda está por construír.

Xosé Lois Martínez explicou que o proxecto está unicamente pendente da adxudicación da obra á empresa contructora, unha das 23 que accederon ao concurso público cuxo prazo de presentación finalizou o pasado febreiro. O vicerreitor recordou que a obra inclúe 310 unidades habitacionais e dará aloxamento a 620 estudantes e profesores, ademais de dúas grandes prazas a cada un dos lados.

Licenza > Pola súa parte, o concelleiro de Rehabilitación Urbana e Vivenda, Mario López Rico, afirmou que "por parte municipal está todo totalmente resolto e xa conta coa licenza de obra". De feito, ambos os dous mostraron a súa confianza en que a resposta por parte do goberno galego sexa positiva.

"É inevitable que a resposta observe a altura da importancia da cidade e que equilibre o sistema universitario porque xa hai universidades cunha oferta importante de aloxamento e agora tócalle á Coruña ser beneficiaria", manifestou o vicerreitor.

En canto ás infravivendas que se descubriron hai uns meses preto do campus universitario e que os donos habilitaran como cuartos para estudantes, López Rico explicou que é un asunto que pertence á Concellaría de Urbanismo, pero anunciou que se están a facer os trámites para "legalizar o legalizable e ilegalizar o ilegalizable, pero nunca como residencias universitarias".

Xornadas > O concelleiro de Rehabilitación Urbana e o vicerreitor de Infraestruturas presentaron tamén as xornadas Áreas Residenciais Universitarias, que terán lugar os días 22 e 23 de outubro na sede da Fundación Caixa Galicia e nas que se debaterá sobre a realidade do aloxamento universitario na cidade, abordando a cuestión dende diferentes perspectivas.

O concelleiro de Rehabilitación Urbana e o vicerreitor de Infraestruturas

Como explicou Xosé Lois Martínez, a adaptación das universidades galegas ao Espazo Europeo de Educación Superior implica que "a Universidade ten que ser europea e a cidade tamén". Deste xeito, a institución universitaria terá que ofrecer servizos a niveis competitivos.

E unha das claves será a vivenda, unha das materias pendentes na cidade coruñesa, onde non hai suficientes prazas nas residencias universitarias. Esta problemática repercute no mercado da vivenda e, sobre todo, nos aluguer.

"A Coruña é unha cidade con alugueres moi altos que penaliza ao estudante, que paga un aluguer máis alto que noutras cidades e, como non hai residencias abondo, a demanda de alugueres aumenta e isto afecta negativamente ao mercado", explicou Martínez.

Mario López Rico admitiu que os problemas non se trataron ben, o que levou consigo a aparición de infravivendas, e recoñeceu que atender a demanda duns 10.000 estudantes anuais é unha preocupación compartida polo goberno municipal e a Universidade.

Nas xornadas, ademais, coñeceranse os modelos de países como Finlandia, Alemaña ou Reino Unido, así como experiencias españolas, e acudirán representantes das universidades de Vigo e Santiago.

18/10/09

17/10/09

A avenida da Universidade leva dous anos para ser recepcionada

La Voz de Galicia
17/10/2009
A Coruña



Ana Lorenzo. A apertura da avenida da Universidade tivo máis prazos incumpridos que os do AVE. Aínda que está finalizada desde hai máis de dous anos, os pequenos retoques que lle faltaban para ser recepcionada polo Concello foron demorando a súa inauguración oficial todo este tempo, a pesar de que hai un ano se abriron case todos os tramos de xeito provisional.
O motivo foi a celebración do primeiro salón do automóbil, que congregou nas inmediacións de Expocoruña un gran número de visitantes; e, para evitar problemas de tráfico, optouse entón por abrila. Ata ese momento, só entraran en funcionamento dous carrís desta vía -en sentido de regreso a Alfonso Molina-, e que se tiveron que habilitar de xeito urxente en xullo do 2007, despois de que se viñese abaixo a estrada que bordeaba o Coliseo, como consecuencia das escavacións realizadas nun edificio anexo que se estaba levantando.


Cambios

No último ano, cando xa están abertos os catro carrís de forma provisional, a avenida foi completándose aos poucos e conseguiu ter pasos de peóns, luz nos farois e, ata novas varandas, que o Concello obrigou a instalar á xunta de compensación que urbaniza todo o polígono residencial de Someso, despois do tráxico accidente que tivo lugar en marzo do ano pasado, e no que perdeu a vida unha turista tras ceder unha pasarela do paseo marítimo.

O vindeiro martes abrirase o novo centro Espazo Coruña, que terá un dos seus accesos pola avenida da Universidade, e que xa nestes días viuse ateigada de camións que viñan descargar mercancía para esta superficie comercial. Desde a xunta de compensación que realiza as obras confían en que, no prazo dun mes, se poida entregar definitivamente esta estrada ao Concello, posto que somentes falta esperar a que Unión Fenosa autorice o enganche que dá servizo aos semáforos situados nas inmediacións da rotonda do campus universitario de Elviña. Os trámites que houbo que realizar para colocar esta rede semafórica, na que foi preciso instalar previamente un transformador, atrasaron aínda máis a entrega da avenida ao goberno municipal. A estas obras engádense as que se están realizando á altura de Expocoruña, onde se constrúe unha nova marquesiña de autobuses.

O Concello comprométese a debater as demandas dos veciños sobre o PXOM

La Opinión de A Coruña
16/10/2009
A Coruña/Metro



Gemma Malvido/ A Coruña. Avogan por unha cidade feita por e para os barrios e é por iso polo que decidiron botarse á rúa, bolígrafo en man, para anotar as propostas que cada veciño ten para o lugar que habita. O colexio de arquitectos, o Concello e Caixa Galicia comezaron onte coa primeira fase do proxecto A cidade dos barrios.

Aseguraron onte o concelleiro de Rehabilitación, Mario López Rico, e a edil de Servizos Sociais, Silvia Longueira, que as conclusións que se extraian deste estudo -no que os veciños poderán pedir, por exemplo, que lles amplíen as beirarrúas, que lles poñan bancos ou máis aparcadoiros- serán incluídas nas sesións de debate sobre a modificación que o arquitecto catalán Joan Busquets ideou para a cidade.

O presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia na Coruña (COAG), Manuel de la Iglesia, avogou onte por unha mellor utilización dos espazos privados que fan unha función pública, como son as fundacións ou a terraza da sede coruñesa do colexio de arquitectos.

O plánning de traballo deste proxecto no que os barrios cobran protagonismo e singularidade está xa marcado. Dende onte, os arquitectos de Ergosfera traballan cos veciños de Matogrande, Barrio das Flores e Monelos para anotar as carencias que cada veciño de xeito individual -non fala a asociación veciñal por todos os residentes- quere detallar do lugar no que habita. Mañá realizarán unha pequena actuación, que o arquitecto Luciano Alfaya definiu coa posibilidade de "poñer bancos" e, o próximo xoves, na Fundación Caixa Galicia, se lles presentarán aos veciños as conclusións do estudo cunha conferencia. O 10 de decembro, presentaranse os resultados dos barrios de Visma, ou Portiño, Os Rosales, Monte Alto, Adormideras, Novo Mesoiro, San Cristovo e Elviña e non será ata setembro do próximo ano, cando se xunten as conclusións de todos os barrios, e se dea a coñecer o documento que o Concello "intentará" incluír totalmente na redacción da modificación do plan xeral. Os arquitectos reivindícanse como mediadores entre políticos e veciños.

Ferido ao chocar cun coche aparcado en Castro de Elviña

La Voz de Galicia
12/10/2009
A Coruña



Un mozo sufriu na mañá de onte feridas de diversa consideración no accidente de tráfico ocorrido en Castro de Elviña, xunto ao campus universitario.

O sinistro produciuse ao redor das nove e vinte da mañá, cando o mozo, de iniciais J.C.E. e 24 anos de idade, por causas que se descoñecen perdeu o control do vehículo e saíuse da estrada á altura do número 4. O automóbil foi parar contra outro vehículo que se atopaba aparcado na beiravía.


Ata o lugar do suceso desprazouse un equipo de urxencias sanitarias do 061, que prestou os primeiros auxilios ao ferido e decidiu trasladar ao mozo en ambulancia ao servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

Á zona tamén se trasladou un equipo de atestados da Policía Local. Segundo confirmaron os axentes municipais, o condutor do vehículo deu positivo na proba de control de alcoholemia.

6/10/09

Tráfico acabará de pintar os pasos de cebra da estrada do Martinete e en Castro de Elviña

La Voz de Galicia
2/10/09
A Coruña
A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá terminará de pintar nos próximos días os pasos de peóns na estrada do Martinete. Asimesmo, xa ten comprometido o mesmo traballo en Castro de Elviña e procederá a revisar a sinalización de Palavea.
Ademais, a área que dirixe Florencio Cardador ten previsto completar, ao longo de 2010, os sinais dos pasos de cebra que indican ao peón o lugar cara ao que debe mirar, e tamén se instalarán sinais verticais. Desde Tráfico lembran o recente asfaltado e pintado da rúa Juan Flórez.