29/11/09

Xa abonda tanta hipocrisía

Periodicamente saen publicadas en determinados xornais noticias sobre a Área Residencial Universitaria de Elviña, afirmando que a súa construción é inminente ou denunciando as trabas que pon a Administración na súa execución.

Nesas noticias frecuentes alúdese sempre á inexistencia dunha residencia pública no campus coruñés e á existencia de “infravivendas” para universitarios. Algún despistado podería crer, lendo o xornal, que os universitarios viven en “chabolas” preparadas para seren as súas vivendas. Mais é difícil que alguén sexa o suficientemente parvo para pensar que a necesidade dunha residencia universitaria está xustificada nun suposto chabolismo universitario. Ou, mirándoo do revés, é difícil pensar que haxa alguén tan memo como para fundamentar a necesidade dunha residencia universitaria na existencia de chabolas universitarias.

Cuestión diferente a esa visión sesgada sobre as chamadas “infravivendas” é o abuso no alugueiro a estudantes universitarios, tanto na Zapateira como na cidade.

Ben distinto ao argumento memo ou malintencionado, é a necesidade dunha residencia pública nun campus que acolle estudantes de diferente puntos do país. Porque habendo residencias universitarias, unha delas concertada coa propia universidade da Coruña, ninguén dubida do oportuno de ter unha residencia de carácter público.

E tras dicir isto
, esas mesmas noticias nunca falan sobre todos aqueles que perden as casas para que o avance do campus sexa posible, nin sobre os abusos aos que se ven sometidos.

Sobre esta cuestión entran moitas valoracións posibles de por que motivo nin a prensa nin a Universidade ven como un problema o desaloxo de veciños de Elviña. Nós podemos pensar que é un problema non poder adquirir nin un apartamento de 20 m2 co que che dan por unha casa de 100 m2, e outros poden pensar que é o máis xusto do mundo. Agora ben, expulsar a xente do seu entorno para poñer outra diferente ten un nome, especulación.

E alén dos criterios subxectivos, hai unha realidade contrastable, pois a normativa legal para o campus universitario vincula a súa área residencial ao realoxo dos veciños.

E pasando por alto a hipocrisía mediática e institucional, preguntámonos cando vai ser que a Universidade da Coruña teña a ben cumprir a normativa legal e realoxar os veciños expropiados.

2 comentarios:

  1. Dito doutro xeito porque non se fala das "infravivendas" as que se ven avocados os expropiados de Elviña, porque se cala sobre a perda da "calidade de vida" que supon para eles, porque os medios de Comunicación en vez de informar "obxetivamente" como é a su obriga, e como de cotio nos tentan facer crer, se limitan a respaldar a versión oficial, seica o povo nunca tivo/nin ten a "Razón", ou simplemente, dito doutro xeito, a do mellor postor aquel que contrata publicidade, anuncios, ou subvenciona (no caso da Administración) a ese proprios medios escritos.

    Dito ainda doutro xeito; porque -para variar un pouco- non falarán da xente?

    Hipocrisia, eu diría máis Lois, o que esas novas son, é: DEMAGOXIA e MANIPULACIÓN ... no seu máis puro estado de sempre

    En fin ...

    ResponderEliminar
  2. Moito ánimo, meu!
    O Moncho.

    ResponderEliminar