29/11/09

«Pasou un ano máis e seguimos sen ter nin unha soa praza de residencia pública»

La Voz de Galicia
29/11/2009
A Coruña
Ana Lorenzo.
Xosé Lois Martínez, vicerreitor de Infraestruturas da Universidade da Coruña e un dos principais impulsores da residencia universitaria coruñesa, lamenta que todos os trámites para a construción deste complexo se dilatasen tanto no tempo, e que o proxecto aínda non estea en marcha. «Pasou un ano máis e seguimos sen ter nin unha soa praza de residencia pública na Coruña. Este é un tema que ten unha urxencia enorme», afirmou o responsable universitario.

Martínez recordou que, ademais dos prexuízos que se lle están causando aos estudantes da Universidade da Coruña, que teñen que alugar un piso ao prezo do mercado libre, os atrasos na construción desta residencia tamén teñen efectos sobre a economía da cidade. Segundo explica o vicerreitor de Infraestruturas, «nunha época de crise actual como a que está caendo, habería que resolver canto antes a adxudicación desta obra, non só polos membros da comunidade universitaria, senón polos postos de traballo que se crearán non sector da construción».

Cando finalmente se levante a área residencial de Elviña, a Universidade da Coruña contará con 650 prazas de aloxamento público, que non serán suficientes para dar solución aos preto de 14.000 estudantes e profesores cos que conta esta institución académica. Segundo os cálculos realizados polos responsables municipais e universitarios, preto de 10.000 persoas teñen que alugar un piso na cidade para pasar os nove meses do curso escolar, polo que se estima que se precisarían unhas 2.500 prazas de residencias universitarias para atender as necesidades máis urxentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario