A Universidade solicítalle á Xunta que lle permita xestionar a residencia estudiantil
El Ideal Gallego
18/10/2009
R.R. A Coruña
O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, informou onte de que hai uns 15 días que a Universidade remitiu ao Instituto Galego de Vivenda e Solo unha proposta de convenio para asumir a xestión, o mantemento e a conservación da nova residencia universitaria de Elviña, que aínda está por construír.
Xosé Lois Martínez explicou que o proxecto está unicamente pendente da adxudicación da obra á empresa contructora, unha das 23 que accederon ao concurso público cuxo prazo de presentación finalizou o pasado febreiro. O vicerreitor recordou que a obra inclúe 310 unidades habitacionais e dará aloxamento a 620 estudantes e profesores, ademais de dúas grandes prazas a cada un dos lados.
Licenza > Pola súa parte, o concelleiro de Rehabilitación Urbana e Vivenda, Mario López Rico, afirmou que "por parte municipal está todo totalmente resolto e xa conta coa licenza de obra". De feito, ambos os dous mostraron a súa confianza en que a resposta por parte do goberno galego sexa positiva.
"É inevitable que a resposta observe a altura da importancia da cidade e que equilibre o sistema universitario porque xa hai universidades cunha oferta importante de aloxamento e agora tócalle á Coruña ser beneficiaria", manifestou o vicerreitor.
En canto ás infravivendas que se descubriron hai uns meses preto do campus universitario e que os donos habilitaran como cuartos para estudantes, López Rico explicou que é un asunto que pertence á Concellaría de Urbanismo, pero anunciou que se están a facer os trámites para "legalizar o legalizable e ilegalizar o ilegalizable, pero nunca como residencias universitarias".
Xornadas > O concelleiro de Rehabilitación Urbana e o vicerreitor de Infraestruturas presentaron tamén as xornadas Áreas Residenciais Universitarias, que terán lugar os días 22 e 23 de outubro na sede da Fundación Caixa Galicia e nas que se debaterá sobre a realidade do aloxamento universitario na cidade, abordando a cuestión dende diferentes perspectivas.
O concelleiro de Rehabilitación Urbana e o vicerreitor de Infraestruturas
Como explicou Xosé Lois Martínez, a adaptación das universidades galegas ao Espazo Europeo de Educación Superior implica que "a Universidade ten que ser europea e a cidade tamén". Deste xeito, a institución universitaria terá que ofrecer servizos a niveis competitivos.
E unha das claves será a vivenda, unha das materias pendentes na cidade coruñesa, onde non hai suficientes prazas nas residencias universitarias. Esta problemática repercute no mercado da vivenda e, sobre todo, nos aluguer.
"A Coruña é unha cidade con alugueres moi altos que penaliza ao estudante, que paga un aluguer máis alto que noutras cidades e, como non hai residencias abondo, a demanda de alugueres aumenta e isto afecta negativamente ao mercado", explicou Martínez.
Mario López Rico admitiu que os problemas non se trataron ben, o que levou consigo a aparición de infravivendas, e recoñeceu que atender a demanda duns 10.000 estudantes anuais é unha preocupación compartida polo goberno municipal e a Universidade.
Nas xornadas, ademais, coñeceranse os modelos de países como Finlandia, Alemaña ou Reino Unido, así como experiencias españolas, e acudirán representantes das universidades de Vigo e Santiago.
Este é un blogue que non pretende ser obxectivo pois nace como unha voz máis dun pobo espoliado desde a época de Franco ata as expropiacións sistemáticas da democracia.
Leváronnos os montes de man común, desposúennos das terras e agora pretenden tirar a moitos veciños das súas casas para urbanizar, condenándoos ao desterro do lugar que lles é propio.
Cremos que o territorio que nos legaron os nosos trasavós é posíbel no século XXI, alleo ao formigón e aos cartabóns dos proxectos urbanísticos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario