9/6/09

Escorrentía de terra no Souto


El Ideal Gallego
A Coruña
9/06/09




A.P.> A Coruña. Malia o aviso desde a central de emerxencias 112, as fortes chuvias que caeron como consecuencia do temporal, acompañadas por ventos de até cen quilómetros por hora, non afectaron de forma importante o casco urbano, pero si causaron un corte na estrada do Souto, que permaneceu inutilizada durante todo o día, segundo afirmaron veciños do lugar.

Foi precisamente antes de que amencese cando o temporal provocou que se desprendese terra, rochas e mesmo xermolos de árbores dun terreo que os residentes da zona aseguran que pertence a Xestur, a empresa de titularidade pública que se encarga de realizar as expropiacións de particulares.


Afortunadamente, os veciños que residen na estrada podían saír polo outro extremo, porque ninguén deu a voz de alarma aos servizos de emerxencia. Nin a Policía Local nin os bombeiros sabían do suceso a última hora da tarde. "Nós non estamos equipados para retirar terra", comentaron dende o parque da Grela.O aviso pasouse á Policía Local. Polo demais, trátase dunha vía secundaria con pouco tráfico, de maneira que o corremento de terras non causo atoamentos.



Tranquilo >Foi o único incidente causado polo temporal, segundo confirmou o xefe de bombeiros e Protección Civil, Carlos García Touriñán: "En realidade, a alerta deuna o 112 porque se trata dun tempo nada habitual por estas datas, pero o día resultou bastante tranquilo".


Aínda que algunhas zonas, como varios parques públicos, foron acordoados por voluntarios de Protección Civil, moitas outras seguiron accesibles ao público durante todo o día. Por exemplo, a praia de Riazor, e a explanada de Las Esclavas, lugar moi batido polas ondas, non foron precintados, como é habitual nestes casos. "Como xa tiñamos aí os socorristas, a zona estaba vixiada -aclarou Touriñán- e por iso non tivemos que tomar precaucións adicionais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario