9/6/09

Escorrentía de terra no Souto


El Ideal Gallego
A Coruña
9/06/09




A.P.> A Coruña. Malia o aviso desde a central de emerxencias 112, as fortes chuvias que caeron como consecuencia do temporal, acompañadas por ventos de até cen quilómetros por hora, non afectaron de forma importante o casco urbano, pero si causaron un corte na estrada do Souto, que permaneceu inutilizada durante todo o día, segundo afirmaron veciños do lugar.

Foi precisamente antes de que amencese cando o temporal provocou que se desprendese terra, rochas e mesmo xermolos de árbores dun terreo que os residentes da zona aseguran que pertence a Xestur, a empresa de titularidade pública que se encarga de realizar as expropiacións de particulares.


Afortunadamente, os veciños que residen na estrada podían saír polo outro extremo, porque ninguén deu a voz de alarma aos servizos de emerxencia. Nin a Policía Local nin os bombeiros sabían do suceso a última hora da tarde. "Nós non estamos equipados para retirar terra", comentaron dende o parque da Grela.O aviso pasouse á Policía Local. Polo demais, trátase dunha vía secundaria con pouco tráfico, de maneira que o corremento de terras non causo atoamentos.



Tranquilo >Foi o único incidente causado polo temporal, segundo confirmou o xefe de bombeiros e Protección Civil, Carlos García Touriñán: "En realidade, a alerta deuna o 112 porque se trata dun tempo nada habitual por estas datas, pero o día resultou bastante tranquilo".


Aínda que algunhas zonas, como varios parques públicos, foron acordoados por voluntarios de Protección Civil, moitas outras seguiron accesibles ao público durante todo o día. Por exemplo, a praia de Riazor, e a explanada de Las Esclavas, lugar moi batido polas ondas, non foron precintados, como é habitual nestes casos. "Como xa tiñamos aí os socorristas, a zona estaba vixiada -aclarou Touriñán- e por iso non tivemos que tomar precaucións adicionais.

6/6/09

Presentación da RDS en Elviña

Este mércores presentouse no salón de actos de Tempo Novo a RDS e a Cartografía Crítica da Coruña. Fíxose unha exposición pausada sobre por que nace a RDS e en que consiste. Explicouse a cartografía crítica e falouse a grandes trazos do PXOM.

O debate posterior entre veciños e membros da RDS xirou arredor da necesidade dunha participación directa dos cidadáns na política, á marxe de siglas políticas. Resultou ben interesante a cuestión de se algúns problemas veciñais veñen da politización ou ineficacia das asociacións de veciños ou se ben se deben a un “pasotismo” xeneralizado da cidadanía.

Abrir unha conciencia crítica entre os cidadáns, con foros nos que se reflexione e discuta, sempre é positivo.

Realoxos en Santiago polo AVE

Podiamos ler no Xornal Galicia Hoxe que o Concello de Santiago de Compostela ten previsto a construcción de catrocentas vivendas para acoller os veciños das setenta edificacións que a construcción do AVE vai derrubar no Castiñeiriño. As vivendas faranse en terreos de propiedade municipal na mesma zona do Castiñeiriño.
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=153&idNoticia=434491

Asusta ver a lixeireza con que a Administración expropia casas. Se miramos para a nosa comarca moitos veciños de Culleredo están pendentes da expropiación das súas vivendas para a ampliación do aeroporto así como tamén veciños da parroquia oleirense de Nós que están á espera do proxecto de ampliación da N-VI. Iso sen esquecer as ducias de vivendas que van derrubar en Mesoiro e San Cristovo para a Terceira Vía e as de Elviña para o Campus, o Parque Ofimático e a Terceira Vía.

Cando expropian unha vivenda están expropiando algo máis que unha propiedade ou unha casa, están a expropiar recordos e sentimentos. Evidentemente iso non é tanxíbel, suxeito a unha indemnización, pero a práctica que debería de imperar é a do realoxo no entorno.

E dá medo ver como a nova lei de expropiación en troques de mellorar está situación o único que fai é facilitarlle a expropiación á Administración, rebaixando os prezos.

Nós somos da opinión de que xa é de por si duro ter que abandonar a túa casa en nome dun suposto “interese xeral” para canto máis se vexan negados os dereitos a seguir vivindo no teu entorno.

Actualmente no mellor dos casos os expropiados acceden directamente aos concursos de vivendas de protección. As expropiacións do Estado non o fan, simplemente indemnizan.

Resulta gratificante ver como no caso de Castiñeiriño se oferta a solución ao realoxo na contorna. É un primeiro paso. Parece sensato que se ofrezan unhas condicións similares ás que tiñas, e non falamos de piscina e jacuzzi, senón de expropiados en zonas rurais que posúen casas con hortas e con animais. Non son posesións, é un modo de vida.

É inconcibíbel que en nome do interese público haxa xente que teña que saír perdendo. Os avances non poden ir en detrimento dunha minoría.

1/6/09

Unha zona rural eternamente afectada polas infraestructuras

La Voz de Galicia
A Coruña
26/05/09´
Dolores Vázquez. A Coruña. «Somos os eternos expropiados do Concello», indica Antonio Jaspe, a quen a ampliación do campus lle leva unha vivenda na que aseguras que o valor que perde non se reduce ao puramente económico, senón á vinculación da súa familia coa casa durante varias xeracións.

«Sufrimos as expropiacións a avenida de Alfonso Molina, a do Polígono de Elviña, a de Fertiberia, Matogrande, o Parque Ofimático, a Universidade, a Terceira Ronda e o castro de Elviña. Todo iso aféctanos desde 1954», explica Jaspe.

Luís Gómez, outro dos futuros desaloxados, puntualiza: «Non estamos en contra do campus, senón dunha expropiación desta maneira». Pola súa parte, Carlos Maceiras considera que esta implantación do terreo universitario «é irracional» e poderíase facer sen o custe social que supón demoler as vivendas.

29/5/09

Obradoiro de danza do ventre


Tempo Novo

22/05/09



O fin de semá 6 e 7 de Xuño realizarase na SRDC Tempo Novo un taller de Danza do Ventre, impartido pola mestra Eva Domínguez, auténtica profesional da danza e da fotografía.


O taller comezará o sábado 6 pola tarde, as 16:30, e ó longo de 3 horas ensinaranse os pasos e movementos básicos desta danza oriental. Despóis de descansar, ó chegar a noitiña, iremos tomar unha deliciosa cea lixeira á de Carmelo, en Castro de Elviña. A festa continuarase ó longo da noite, poñendo en práctica os movementos aprendidos.


O domingo 7 concluirase, as 16:30 da tarde cunha coreografía dos movementos aprendidos.
O coste deste taller, sería de 35 €, todo incluído, TALLER + CEA


Como mínimo, para poder facer o taller necesitamos contar cun mínimo de 13 persoas.


Para apuntarse, pódese mandar un e-mail o correo da sociedade: srdctemponovo@hotmail.com ou ben a rakicastro@hotmail.com, tamén poñéndose en contacto con calquera dos membros da directiva ou chamando ó teléfono 653 253 976


ANIMÁDEVOS E NON DUBIDEDES EN APUNTARVOS¡¡¡¡¡¡¡


http://tempo-novo.blogspot.com/

Presentacións nas AVV da RDS e da Cartografía crítica

RDS
29/05/09


Esta semana leváronse a cabo as dúas primeiras presentacións da Rede e da Cartografía Crítica en Asociacións Veciñais, o martes 26 na de Monte Alto e o 28 na do Agra.
Presentación na A.VV. da Agra do Orzán

A acollida foi moi boa nos dous sitios, é destacable como na do Agra, que non participou durante este tempo da rede mostraron interese, cando menos, en seguir traballando sobre propostas que se lles fixeron durante a presentación.


Seguimos coas presentacións en diferentes espazos, o vindeiro día 3 de xuño nos Rexumeiros de Elviña.