15/1/12

Caso "Plan Someso"

Os afectados do "caso Relámpago" renuncian aos intereses e aceptan cobrar en catro prazos.




El Ideal Gallego

13/01/12

A Coruña


p. g. l. > A Coruña. Antes do 31 deste mes o Concello iniciará o pago das indemnizacións aos afectados de Someso, de acordo cunha sentencia del Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) na que se declara ilegal a venda duns terreos para vivendas en 2004 por parte do goberno local, que en 1989 expropiara para a construción dun campo de fútbol. Farao de acordo a un calendario fixado cos propios beneficiarios, que, conforme destacou onte o primeiro tenente de alcalde, Julio Flores, renunciaron ao cobro dos intereses de demora producidos desde a publicación dos autos xudiciais, así como aos vinculados ao fraccionamento do pago, “o que supón un aforro de 825.000 euros ás arcas municipais.





O portavoz municipal explicou que nas reunións que mantivo o concello cos afectados dos cinco autos emitidos por el TSXG, acordouse aboar o primeiro praza antes de finais deste mes; o segundo antes do 31 de marzo; o terceiro, antes do 31 de decembro e o cuarto antes do 31 de marzo de 2013. As tres primeiras cotas serán por un importe de dous millóns de euros cada unha delas, e a cuarta de 2,16 millóns.


En relación cos intereses, Flores lembrou que o anterior goberno local propuxo ao xuíz compensar con solo no Parque Ofimático aos afectados, “a pesar de que eles entregaran previamente un escrito no rexistro municipal comunicando a súa negativa ao pagamento con terreos. “ Tras iso, asegura que o xuíz rexeitou a proposta, “e por culpa do bipartito, os intereses seguiron correndo”, aínda que, finalmente, o Concello “non terá que aboalos”.


Mais o “caso Relámpago” –denominado así en alusión ao equipo de fútbol de Elviña- non termina aí. En opinión de Flores as indemnizacións poderían acadar os 20 millóns de euros xa que aínda hai outros 14 autos xudiciais pendentes, como consecuencia de que o ex-alcalde Javier Losada “denegou o 5 de novembro de 2010 outras 14 reversións do mesmo proceso expropiatorio, sabendo que xa había sentencias que recoñecían o dereito de reversión dos propietarios orixinais dos terreos”.


Contexto > “Unha vez máis, o diñeiros dos impostos dos coruñeses utilizarase para pagar indemnizacións provocadas polas irregularidades urbanísticas de anteriores gobernos municipais”, denunciou o popular, que define o “Caso Relámpago” como a “meirande indemnización por unha sentencia urbanística da historia da cidade”, que obrigará a que os “coruñeses paguen os pratos rotos da nefasta xestión do PSOE da que foi cómplice o BNG durante os últimos anos”.


Flores laiouse de “que non se podan destinar estes 8,16 millóns a políticas de emprego, servizos sociais, educación, cultura ou inversións nos barrios”. Nas palabras do primeiro tenente de alcalde: “Deixáronnos 140 millóns de euros en débedas que hipotecan o actual goberno municipal e unha lista longa de continxencias xudiciais por sentencias urbanísticas”.


Ao carro dos autos xudiciais súmase o edificio Conde de Fenosa, que o Tribunal Superior ordena demoler por consideralo ilegal, e para o que o Concello terá que buscar unha solución a curto prazo.

1/12/11

As obras do Ofimático reactívanse

La Voz de Galicia

1/12/2011

A Coruña


Gabriel Lemos/ A Coruña


As máquinas volveron onte ao Ofimático. O día que se cumprían catro meses desde que o Concello decretase a suspensión temporal das obras de urbanización do ámbito, alegando que non era posíbel continuar cos traballos até que se solucionasen os trámites administrativos e se indemnizase aos propietarios dos terreos, as obras reactiváronse.

Máquina traballando onte. Eduardo Pérez.


De momento, a empresa adxudicataria do proxecto, Acciona, empezou o traballo de roza dos terreos máis próximos ao colexio dos Maristas, en Eirís, onde se colocarán parte das cooperativas que levantarán edificios de vivenda protexida no ámbito. O edil de urbanismo, Martín Fernández Prado, apuntou hai uns días que os traballos comezarían por esta zona e pola máis próxima a Monelos, a outra bolsa de solo reservada aos cooperativistas.

Unha vez liberados os terreos, aos traballos de roza seguiralle o movemento de terras, para alcanzar a cota de urbanización necesaria para poder iniciar a construción dos edificios. De feito, o Concello garantiu aos cooperativistas que se permitiría facer a un tempo as obras de urbanización e as de construción.

Unha posibilidade que, de momento, se descarta, xa que os cooperativista prefiren agardar a que se resolva o proceso de reversión das terras iniciado pola Xunta. De momento, prefiren non arriscar coa tramitación da licenza e co abono do importe correspondente, antes de teren a seguridade absoluta de que o Goberno galego lles adxudica de forma definitiva as parcelas.

Reversión

Para iso terán que agardar, cando menos, até xaneiro, que é o mes no que a Consellaría de Infraestruturas prevé concluír o proceso de reversión, pendente agora de que os propietarios orixinais das terras acepten ou non o prezo fixado polo xurado de expropiación para proceder á súa devolución. E é que, tras anos de preito, a Xustiza deulles a razón e determinou que as terras que lles foran expropiadas de forma forzosa hai vinte anos non se vai destinar ao uso previsto inicialmente, polo que ordenou ofrecer a súa devolución.

A Xunta fíxoo ao prezo d 212 euros por metro cadrado, que agora o Xulgado de Expropiación eleva a unha media de 260. Unha oferta que non convenceu aos expropiados, que volveron aos tribunais para denunciar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo por dobre venda, ao entender que se lles ofrecen uns terreos que xa foron adxudicados a cooperativistas e promotores privados.

Porén, a Xunta insiste en que a principios deste mes, cando recibiron as notificacións do Xurado de Expropiación, empezou a correr o prazo de tres meses para aceptar ou rexeitar o prezo taxado. Entenden que se non consignan o importe fixado polo organismo taxador, decaerá o dereito de reversión e poderán proceder a entregar xa os terreos ás cooperativas.

Non o ven así os avogados dos cooperativistas, que xa anunciaron a presentación dun recurso contencioso-administrativo contra o proceso de reversión, no que se pedirían tamén medidas cautelares para que se suspenda o proceso de reversión mentres se resolve o contencioso.

Pero, en paralelo a este proceso, o Concello terá que avanzar na urbanización, para o que pactou con algúns residentes o seu realoxo. En paralelo tamén, xiraranse aos promotores as cotas que permitirán facer do Ofimático unha realidade.

É o custo total das obras de urbanización do parque Ofimático de 42 millóns de euros.



27/11/11

Visita do cantidato a reitor Alejandro Pazos a Elviña




26/11/2011



Na mañá de hoxe, sábado 26 de novembro, Alejandro Pazos reuniuse con varios veciños de San Vicente de Elviña para coñecer de cerca a actual problemática sobre as expropiacións que veñen sufrindo desde hai xa varios anos.




A parroquia de San Vicente de Elviña está composta por dous núcleos rurais e agrarios de casas con hortas que están separados, á vez que rodeados, polo campus de Elviña. Moitos dos residentes neste barrio teñen ou herdaron terreos que ao longo dos últimos años víronse afectados por expropiacións debidas á expansión da Universidade e que, segundo explicaron os portavoces do veciñanza, foron valorados a un prezo excesivamente baixo, afectando profundamente a vida de diversas familias que levan vivindo na zona durante xeracións enteiras.



Durante a reunión, Alejandro Pazos debateu cos veciños algunhas posibles solucións ao problema, que tratará de aplicar en caso de ser elixido Reitor da UDC nas próximas eleccións.

24/11/11

A Xunta renuncia ao proxecto da residencia de Elviña polo que pagou 669.000 euros

La Opinión de A Coruña

24/11/2011


Aida Mosquera A Coruña


Primeiro optou por cambiar de sistema e encargar a xestión e construción da residencia universitaria a unha empresa privada e, agora, renuncia tamén ao deseño do proxecto. A Xunta rescindiu o contrato de dirección de obra do complexo residencial do campus de Elviña e deixa de lado un traballo polo que pagou un total de 669.647,31 euros ao estudo catalán Aq4 Arquitectura. Abaratar o custe da obra é o motivo aducido pola Consellería de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, que agora se compromete a sacar a concurso un proxecto máis "accesible" para o aloxamento universitario.

"Un malgasto dos recursos públicos". Así define o departamento encabezado polo conselleiro Agustín Hernández o proxecto escollido polo anterior Goberno galego para a execución das vivendas para profesores e estudantes. "Quen nos antecedeu na Xunta mantén unha postura incoherente ao criticar centros como o Gaiás e defender unha residencia cun importe de construción desorbitado", explican desde a Consellería de Infraestruturas, que, segundo as mesmas fontes, "vaina facer (a residencia) por menos da metade do que pretendía investir Teresa Táboas (exconselleira de Vivenda) e sen perder prestacións". Aínda que, cun ou outro proxecto, a instalación xa non será de carácter exclusivamente público, algo que sempre demandou o Reitorado para que a da Coruña deixe de ser "a única universidade galega sen residencia pública".

Dado que tanto a construción das vivendas e a urbanización da contorna contaba cun orzamento de 19,7 millóns de euros, a "metade" da que fala agora a Xunta supón un importe de cerca de dez millóns.

A construción, e xestión, do complexo residencial será en réxime de concesión a causa, tal e como xustificou a Xunta cando a principios de xuño publicou no Diario Oficial de Galicia a súa decisión, da "falta de fondos públicos". Dita concesión administrativa a unha entidade privada aparece reflectida nos orzamentos anunciados polo Executivo galego para 2012: 280.000 euros durante o próximo ano e 196.000, 168.000 e 280.000 euros para as anualidades de 2013, 2014 e 2015, respectivamente.

A idea de construír unha residencia universitaria na Coruña comezou planificarse en abril de 2006, cando a entón conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, anunciou que licitaría a obra en canto fose aceptada a modificación puntual do plan xeral da cidade. E así foi. A finais dese ano, a Xunta adxudicou o traballo a Aq4 Arquitectura, o mesmo estudio que posteriormente firmou o contrato de dirección de obra. Desde entón e ata 2008, o estudo remitiu a San Caetano o anteproxecto, o proxecto básico, o proxecto de execución, a modificación do plan parcial do campus de Elviña e o desenvolvemento do proxecto construtivo con madeira galega, tal e como solicitara Táboas. Segundo o estudo, a Xunta pagoulle 669.647,31 euros por eses traballos.

A Consellería volverá licitar o deseño do aloxamento de Elviña e, aínda que garante que o novo proxecto ofrecerá "as mesmas prestacións" que o anterior, precisa que terá que ser "máis accesible" para adecuarse á situación de "crise". O traballo de Aq4 Arquitectura estaba pensado para acoller máis de 600 usuarios, entre profesores, alumnos e investigadores da Universidade da Coruña, e dispoñía de espazos de reunión.

17/11/11

Os cooperativistas urxen acelerar as obras do Ofimático tras o seu desbloqueo



El Ideal Gallego

16/11/11

A Coruña




C.R.>A Coruña


Os cooperativistas, xunto aos expropiados, son os primeiros afectados polo desbloqueo da urbanización do Parque Ofimático. As familias que investiron na construción dun piso que aínda non existe están desexando que comecen a levantarse os edificios, aínda que para iso é necesario que se inicie a urbanización dos predios., algo que poderá acontecer en breve tras o anuncio do luns do Concello. Desde a cooperativa principal do proxecto, Cofuncovi, séntense satisfeitos pola decisión de retomar a urbanización e agora o que solicitan é celeridade nas obras.

“Agora, que empecen e que empecen a bo ritmo para poder comezar a construír o antes posíbel”, declara o portavoz José Ramón Mosquera. Este responsábel admite que o goberno local cumpriu o seu compromiso de levantar a paralización antes do 21 de novembro, pero ao mesmo tempo dubida de que fose necesaria esta actuación. “Non o sei, se cadra non facía falta tela suspendida –a urbanización-, a tramitación podería terse feito sen suspendela”, considera.

En canto á liberación das terras, cre que se lle deu a razón aos cooperativistas, que defendías que se iniciasen os traballos naquelas parcelas non ocupadas. “Hai terras de sobra” afirma o portavoz. De feito, o executivo local decidiu deixar as persoas que viven no polígono permanezan nas súas casas até que a súa estadía impida o avance do proxecto.

Pese a todo, José Ramón Mosquera prefire evitar polémicas e mostrar a súa satisfacción pola noticia de que de forma “inminente”, conforme o anunciou o concelleiro de Urbanismo, poderían entrar as máquinas no Ofimático. O portavoz de Cofuncovi si ten, porén, unha petición para a Xunta, que se lles adxudique canto antes as parcelas. Nunha reunión que mantiveron con responsábeis do goberno galego en xuño, falóuselles dos meses de novembro ou decembro para a entrega de soares, pero se teme que este prazo se dilate dado que aínda non concluíu o proceso de reversión que ten por obxecto devolver as terras aos que no seu día foran expropiados para construír un parque empresarial.

PSOE> Os socialistas son máis duros que os afectados. A portavoz do grupo, Mar Barcón, considera que a paralización respondeu “a un capricho persoal de Negreira” para defender “os intereses da Xunta”, “que gañou tempo para intentar resolver o seu preito cos propietarios orixinais dos terreos do polígono”, denuncia.
O PSOE lembra que 350 familias están agardando a unha vivenda na contorna, que contará con mil pisos de protección. “E un investimento de máis de corenta millóns paralizado, freando a economía da cidade”, critica a edil.

14/11/11

O BNG acusa ao Concello de perder catro meses co Ofimático

La Voz de Galicia

14/11/11

A Coruña



EFE/ A Coruña


O portavoz municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, asegurou hoxe que a decisión do Concello de levantar a suspensión temporal das obras de urbanización do Parque Ofimático, o novo barrio da cidade «demostra» que non había razóns para paralizalas en xullo.


«O goberno municipal perdeu catro meses no Ofimático», manifestou Carril, para quen tras esta decisión del executivo local se escondía a intención de «facerlle o xogo á Xunta».


“Se agora se poden executar parcialmente as obras sen dispoñer totalmente dos terreos –ao seguir ocupadas as vivendas–, por que non se fixo o mesmo no mes de xullo e se fai agora en campaña electoral?” preguntou Carril.


Ler máis en:

O Concello da Coruña levanta a suspensión temporal das obras do Parque Ofimático

La Voz de Galicia

14/11/11

A Coruña



EFE/A Coruña


O Concello da Coruña anunciou hoxe o levantamento da suspensión temporal das obras de urbanización do Parque Ofimático, o novo barrio da cidade.

En só tres meses tras aprobar a suspensión, realizáronse todas as xestións necesarias que nos permiten reiniciar xa os traballos cumprindo o compromiso municipal de facelo no menor tempo posíbel” remarcou o responsábel municipal de Urbanismo, Martín Fernández Prado.
Esta decisión, apuntou Fernández Prado, permite “dispoñer de forma efectiva dun ámbito coherente e homoxéneo” para comezar as obras na zona de vivendas destinada aos cooperativistas.

“A día de hoxe, aínda non se pode ocupar de forma efectiva a totalidade do solo porque aínda existen vivendas habitadas, pero si podemos ocupar xa unha primeira fase para que comecen as obras, e que coincide co ámbito onde se construirán as vivendas dos cooperativistas, que é o que todos queremos e para o que estamos traballando”, explicou.

“Cómpre lembrar que aínda que non se suspenderan temporalmente as obras, faríamos as mesmas accións que fixemos con elas suspensas, pero así logramos a garantía de que a adxudicataria renunciase ás posíbeis indemnizacións deste período de paralización”, matizou.
Fernández Prado asegurou que este “é un paso máis dun camiño longo”. De feito, os orzamentos do ano vindeiro dedican unha partida de 9,16 millóns de euros para o proxecto de urbanización do Parque Ofimático.


“É unha cifra estimativa, xa que dependerá da axilidade coa que os propietarios dos terreos paguen as cotas de urbanización”, afirmou.