20/8/09

A Xunta culpa o Concello do atraso nas obras da Residencia Universitaria.


A Opinión de A Coruña
19/08/09
A Coruña


Infraestruturas asegura que o Concello debe concluír o proceso de expropiación dos terreos.


O anterior executivo autonómico acordara cos afectados que os traballos non se iniciarían até que fosen realaxados.


José Manuel Gutiérrez. A Coruña. A Consellería de Territorio e Infraestruturas atribúe ao Concello coruñés o atraso producido na adxudicación das obras da residencia de estudantes da Universidade, que ten licencia de construcción desde finais do mes de marzo. O departamento autonómico asegura que o Concello aínda non concluíu o proceso de expropiación dos terreos necesarios para construír o complexo en Elviña, posto que aínda non hai unha proposta de realoxo para as familias cuxas casas deben ser derrubadas para permitir a posta en marcha do proxecto.


O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, expresou a semana pasada na OPINIÓN o seu temor a que a demora de adxudicación do concurso cause a caducidade da licencia concedida á Universidade, cun prazo máximo para o inicio dos traballos de seis meses. En tan só uns días cumpriranse cinco meses desde a aprobación da licencia, sen que o Reitorado teña noticias acerca de cando se fallará.


Os afectados polo proxecto acadaran un acordo coa Xunta o pasado mes de febreiro para que os traballos non comezasen até que o expropiados dispuxesen dunha nova residencia, pero o cambio de goberno ao que deron lugar as eleccións impediu que se materializara.

O novo Executivo autonómico entende que é o Concello o organismo que debe facer fronte ao realoxo dos prexudicados pola iniciativa, xa que, aínda que o novo edificio pertencerá á Universidade, a operación urbanística é de carácter municipal, xa que se tramitou mediante un plano parcial.


O Reitorado sabía que a Consellería analizou xa as ofertas presentadas polas vintetrés constructoras que acudiron á convocatoria, pero ignoraba que existisen os problemas cos que Infraestruturas xustifica agora o atraso na adxudicación do proxecto.


As expropiacións de terreos na zona de Elviña para a construcción da residencia universitaria figuraban no plano parcial do campus, aprobado pola Xunta en decembro de 2006. A iniciativa afectada sesenta e oito parcelas que sumaban 44.202 metros cadrados de superficie.



Sete dos propietarios de terreos presentaron un recurso xudicial contra este proceso ao consideraren que as cantidades coas que foran indemnizados eran insuficientes, porque non se lles recoñecía a titularidade de terreos incluídos nesta operación, na que se fixou un prezo de 105 euros por cada metro cadrado expropiado, polo que as compensacións alcanzan os 5,6 millóns de euros.


O descontento coas propostas económicas efectuadas pola Administración levou os veciños da zona a cortar o tráfico en Alfonso Molina, a concentrarse no lugar de Castro de Elviña durante a conmemoración do bicentenario da batalla que tivo lugar na zona en 1809 e a protestar ante o alcalde durante a súa vistita ao lugar co ministro de Cultura en febreiro.


Outro dos motivos que a Consellería de Infraestruturas menciona como causa do atraso da construcción da residencia universitaria é que aínda esta pendente a sinatura dun convenio co Reitorado no que se determine cal será a fórmula de xestión do centro residencial.


O departamento non explica que influencia pode ter este acordo sobre o proxecto de construcción do complexo, que ademais tardará un mínimo de trinta meses en construírse, de acordo coas ofertas presentadas polas empresas participantes no concurso, de forma que Xunta e Universidade aínda terían este prazo para establecer a forma na que se explotará o centro residencial.

A demora na dispoñibilidade desta infraestructura xera unha fonda preocupación na Universidade, cuxos responsábeis insisten en que A Coruña é única cidade española cun campus que non ofrece prazas de aloxamento público, unha circunstancia que consideran que limita a capacidade de atracción dos centros docentes, malia que na cidade se imparten titulacións que non están disponíbeis nas outras universidades galegas e que gozan dun grande prestixio académico.


O alto prezo da vivenda na cidade e a escaseza da oferta dos pisos en alugueiro complican aínda máis o problema para os estudantes que proveñen doutras localidades, xa que deben enfrontarse a unhas rendas moi elevadas. Este situación derivou na aparición nos últimos anos de até un cento de infravivendas na contorna do campus, construídas por propietarios de chalés dentro das súas fincas, nas que ofrecen aloxamento a universitarios a prezos inferiores aos do mercado inmobiliario.


A saída á luz desta actividade clandestina puxo en marcha unha inspección por parte do Concello e da Axencia Tributaria que culminou coa orde de derrubo dalgunhas destas construccións, aínda que de momento non se executou ningunha demolición.


A construcción do Complexo requirirá arredor de trinta meses
Das vintetrés propostas presentadas polas construtoras que participan no concurso convocado pola Xunta, tan só dúas superan nas súas ofertas o prazo de trinta meses para a construcción da residencia universitaria, aínda que só nun e tres meses respectivamente, fronte aos trinta e seis que permitían as bases da convocatoria.

Por iso prevese que o complexo tardará en torno a dous anos e medio en estar dispoñíbel desde que o Goberno autonómico adxudique os traballos, o que deixará a Universidade coruñesa polo menos outros tres cursos sen contar con esta infraestrutura.

O centro proxectado polo Reitorado terá capacidade para seiscentas persoas distribuídas en catrocentos apartamentos para estudantes e profesores visitantes, con superficies entre os corenta e os corenta e cinco metros cadrados. Entre as construtoras que optan a executar o proxecto figuran algunhas das principais do país, como Ferrovial, FCC, Dragados, Isolux-Corsán-Corviam, OHL, Sacyr e Abeconsa así como varias das máis destacadas de Galiza, como Fontenla, Arias Hermanos ou Ángel Jove. En canto ás súas ofertas económicas, oscilan desde os 19,9 até os 24,1 millóns de euros.

O reitorado ten previsto pór en marcha un novo proxecto con catrocentas prazas máis en canto consiga desenrolar este último, que está a ter unha tramitación moito máis longa do agardado. Esta iniciativa tivo que soportar unha paralización de varios meses por mor da necesidade de modificar o plano xeral de urbanismo da cidade, xa que o visto bo da Xunta chegou moito máis tarde do previsto inicialmente.

1/8/09

Historia dun despropósito

Galicia Hoxe
1/08/2009

Yes, I do

Maré. Santiago. A maioritaria participación dos centros privados -agrupados en asociacións que desde o primeiro apoiaron o propósito do PP para rebaixar a proteción legal do galego- favoreceu que o castelán se eirixise no idioma triunfante da Consulta Vázquez sobre o idioma no que os pais queren a educación dos seus fillos. O propio secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que compareceu só ante os periodistas sen ningún dos dous impulsores da consulta, o presidente Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Eduación, Jesús Vázquez, recoñeceu que os centros privados foran os máis dados a contestar o cuestionario dunha consulta que unicamente acadou o 58 por cento de participación. Non obstante, rexeitou dar datos sobre a diferenza entre o ensino público e privado.

Boa proba de que os centros privados impuxeron o seu punto de vista na consulta -e lle deron a Feijóo unha coartada política - é que en Formación Profesional -maioritariamente pública- o galego impúxose ao castelán. Con todo, a máis votada foi a opción bilingüe nese ámbito, o mesmo que ocorre en infantil.

Tras un mes de reconto, e cun custo declarado de 160.000 euros, a tan polémica e cuestionada consulta Vázquez non presenta, polo demais, ningunha novidade. "O conxunto das respostas das familias fan evidente que a sociedade galega se reafirma bilingüe. Esa foi a interpretación de Lorenzo nunha roda de prensa por veces tensa porque, analizando os datos polo miúdo, o que se amosa é unha polarización perigosa: en primaria e secundaria as respostas a prol do monolingüismo -sexa galego ou castelán superan as do bilingüe.

As familias dos rapaces e rapazas de maior idade amosáronse menos interesadas na consulta. A porcentaxe de respostas superou o 70% en infantil e primaria, pero caeu por debaixo do 40% en secundaria, pasando pouco do 30% en Formación Profesional.

Hai que ter en conta ademais que a maioría dos alumnos e alumnas están matriculados na educación primaria -127.000- e secundaria -124.000-. O censo utilizado pola Consellaría de Educación sitúa en 64.661 o número de estudantes de infantil, e en 15.144 o de alumnos de F.P. Lorenzo apuntou outro dato importante, que non precisou con cifras: responderon á enquisa máis os pais dos centros privados que os dos concertados, e máis estes que os dos públicos, polo que a representatividade da "mostra" é cuestionable, -independentemente de todos os defectos metodolóxicos que varios colectivos xa denunciaron-. Tampouco se de- sagregaron os datos segundo o hábitat rural-urbano.

Unha das cuestións que non ofrecen dúbida é o acordo dos pais con que se "impartan materias en inglés": o 91,5% dos de educación infantil, o 75,2% dos de primaria, o 63% dos de secundaria e a mesma porcentaxe en FP. Lorenzo aclarou que a Xunta "fará un esforzo" para que o ensino "trilingüe" sexa realidade en oito anos.

O resto dos datos poden interpretarse de diversos xeitos: como un apoio ao ensino en castelán, como un decantamento polo ensino bilingüe ou polo monolingüismo, con preferencia polo castelán. En educación infantil, malia que o 58,8% dos pais afirmaron que o castelán é a lingua inicial do seu fillo, máis da metade, o 53,2%, inclináronse por un modelo bilingüe. Pero son moitos máis os que optaron pola resposta só "castelán" que os que escolleron só "galego".

En educación primaria e secundaria a cousa complícase. Ante a pregunta "En que lingua preferiría as materias troncais?", a resposta máis numerosa é "todas en castelán" -37,6% en primaria e 33,8% en secundaria-. A segunda resposta máis escollida é "unhas en galego e outras en castelán": en primaria 26,6% e en secundaria 23,6%. E en secundaria a resposta "todas en galego" -19,8%- é máis elixida que en primaria -12,5%.

Se se suman as respostas "todas en castelán" e "a maioría en castelán", o castelán acadaría máis da metade: 54% pero non chegaría nin ao 50% en secundaria: 48,5% . A suma de "todas en galego" e "a maioría en galego" acada porcentaxes moito menores: 18,3% para primaria, e 27,5% para secundaria. A opción polo bilingüismo, -se se suman as respostas "a maioría en galego", "unhas en galego e outras en castelán" e "a maioría en castelán"- queda por debaixo da metade: 49.40% en primaria, e 48.5% en secundaria-. "Todas en galego" e "todas en castelán" suma o 50,10% en primaria, e o 53,6 en secundaria.

Se o que se suma son as respostas de todos os niveis educativos, conclúese que 75.577 pais prefiren un ensino só ou maioritariamente en castelán, fronte aos 35.019 que o queren en galego. Hai que ter en conta que os mesmos pais puideron contestar máis dun cuestionario, e que non hai garantías de que fosen os fillos os que respondesen-. Un total de 93.900 pais optaron por algún tipo de ensino bilingüe.


Galicia Hoxe

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=454076